A Escola

Desde 1990, Brincadeira imparte clases de baile, pandeireta e canto, gaita e percusión tradicionais (tambor e bombo). Desde o curso 2005-2006 engadimos na nosa oferta clases de acordeón, e desde o curso 2008-09 impártense tamén clases de indumentaria tradicional.

Todas as actividades teñen como destinatarias ás persoas de calquera idade que queiran iniciarse ou afondar os seus coñecementos en calquera destas disciplinas. Á escola asisten actualmente máis de 200 persoas.

Unha parte importante do material a partir do que se traballa nas diferentes aulas de Brincadeira é aquel que os directores artísticos das diferentes seccións da asociación recuperan por todo o país. Continuamos, deste xeito, co labor de divulgación da nosa tradición que o grupo considera un obxectivo fundamental.